Alternativa dos Veciños pide o voto para acabar coas ilegalidades no Concello de Culleredo
Esta medianoite comezou a campaña das eleccións municipais. Alternativa dos Veciños preséntase no Concello de Culleredo co obxectivo de incrementar a súa representación na corporación para impedir que o Goberno municipal siga practicando unhas nefastas políticas de dubidoso sustento legal que están a causar un gran dano ás arcas públicas.
Con Alicia Ferreiro como candidata, Alternativa aspira a dotar a Culleredo dun Plan Xeral de urbanismo que poña orde, que garanta a seguridade xurídica e que posibilite un crecemento respectuoso co medio ambiente. Outro dos grandes retos é impulsar a Área Metropolitana, para acadar aquelas melloras a nivel de infraestruturas e servizos públicos que se atopan nunha situación precaria en toda a comarca polo desgoberno e a desidia dos principais partidos políticos, como é o caso do Vial 18.
O primeiro acto de campaña está programado para hoxe venres 10 de maio ás 20:30 horas en Almeiras ,no Centro Cultural.