A Área Metropolitana
Aínda que na Alternativa hai concellos que non pertencen á área da Coruña, o partido ten unha innegable vocación comarcal.
A comarca da Coruña necesítanos a todas e todos, vivamos onde vivamos. Cada persoa contribúe á forza de case medio millón de habitantes na rexión máis próspera de Galicia. Temos que responder en común a novos retos ambientais, territoriais e de xestión.
Infraestruturas que nos permitan organizarnos mellor. Reclamar sen complexos a outras administracións todo o que están obrigadas a mellorar para facernos a vida máis doada, como a rede viaria comarcal, entre outras necesidades comúns.
Completar a rede de vías de alta capacidade, comunicarnos mellor entre os concellos e coa cidade, mellorar o transporte público, conseguir unha mobilidade máis amable e menos contaminante están entre os nosos obxectivos.
Profundar aínda máis nas interesantes transicións entre a cidade densa e a suave natureza dos concellos metropolitanos, que se complementan e nos permiten unha vida variada, sana e agradable, con enormes posibilidades.
Conseguir servizos mancomunados e políticas coordenadas e audaces para gañar resiliencia e posicionar a nosa área metropolitana da Coruña no cumio da calidade de vida.