Ángel García Seoane
Ángel García Seoane (Perillo, 1951) é músico de profesión e político de convicción. Desenvolveu unha intensa carreira musical, na que destacou polos seus dotes artísticos e por liderar a loita polos dereitos dos traballadores e traballadoras do sector, creando o primeiro sindicato galego da música.
Aparcou profesionalmente a batería en 1984, para volcarse en corpo e alma á súa gran paixón, a defensa do pobo de Oleiros.
Xa de neno era unha persoa profundamente implicada na defensa da democracia, a liberdade, o medio ambiente, a xustiza social e a igualdade. Ademais de militar no Partido Comunista, creou e liderou no seu Perillo natal o movemento veciñal que loitaba contra os grandes intereses especulativos dos anos 70, que destrozaban o territorio e a costa. Foi a Asociación de Veciños A Ría de Perillo o punto de partida desde o que se estendeu o movemento veciñal por todo o municipio e que acabaría por ser o xerme para fundar Alternativa dos Veciños.
Baixo o seu liderado, Alternativa dos Veciños ganou todas as eleccións municipais desde 1979. Alcalde desde 1985 e deputado provincial desde 1979 a 1983 e desde 2015 ata día de hoxe, desenvolveu un proxecto político singular e distinto, co que logrou converter un municipio carente dos máis mínimos servizos nun concello punteiro, dotado dos mellores equipamentos e infraestruturas públicas, dunha alta calidade de vida, dun grandísimo valor humano e social, fortemente implicado na defensa da liberdade dos pobos do mundo. Ademais, estendeu a Alternativa dos Veciños pola comarca da Coruña, converténdose na cuarta forza política de Galicia.
Loitador incansable, político honrado, xestor público eficaz e exemplo de xenerosidade co seu pobo, polo que continúa loitando coa mesma forza do primeiro día.