Manifesto político
Pola felicidade das persoas
A experiencia de goberno en Oleiros e os resultados que a nosa filosofía de traballo proporciona para a calidade de vida das persoas, está ben á vista.
Unha maneira de gobernar impecable nas formas e no fondo, e unha revalorización da política a través das fórmulas democráticas más directas que permite o sistema participativo nas institucións.
Identificármonos coas tendencias avanzadas desde o laicismo, o feminismo, a diversidade sexual e afectiva, o antifascismo ata a loita contra o cambio climático, a violencia ou o consumismo salvaxe, pasando polo apoio a calquera movemento contra os excesos da sociedade dixital, que deixa moita xente de lado, centrándose nos prototipos de persoas máis produtivas en rendibles en termos económicos e de consumo.
Pero se algo pode resultar máis significativo de toda a nosa política é a dimensión territorial, que aposta desde hai xa 40 anos polo freo á degradación da paisaxe, a través dun deseño urbano non agresivo co medio natural sen que iso impida o crecemento.
Grazas á política da Alternativa fóron medrando os pobos tradicionais cos mellores estándares de calidade, poñendo ao ser humano por enriba de calquera outra consideración, nunha harmónica relación entre as persoas e o lugar no que viven.
E todo iso cun comportamento de constante revalorización do público fronte ao privado, reequilibrando os beneficios empresariais relacionados coa expansión inmobiliaria, obrigándolles a realizar fortes investimentos públicos en beneficio de toda a cidadanía.
Por iso o municipio de Oleiros é o mellor dotado en equipamentos culturais, deportivos, sociais, en infraestrutura viaria, na relacionada co ciclo da auga, a renaturalización de espazos fluviais e na restauración e revitalización do patrimonio arquitectónico para darlle nova vida.
Políticas que non esquecen outras dimensións da felicidade das persoas como a cultural, a deportiva, a festiva ou a solidaria, xeitos de nos relacionar cun estilo de vida sano tanto corporal como espiritual e materialmente.
Para iso tamén traballamos día a día co obxectivo de facer o mundo algo mellor cada día que pasa.