O Pleno da Deputación desestimará as alegacións á obra na estrada de Cortiñán a Vixoi
O Pleno da Deputación da Coruña desestimará as alegacións de varios veciños de Bergondo que se opoñen á obra de mellora da seguridade vial na estrada provincial que vai de Cortiñán a Vixoi.
Tal e como este grupo anunciou no pasado mes de novembro, a Deputación da Coruña está a tramitar unha obra de mellora da seguridade viaria na estrada entre Cortiñán e Vixoi cun investimento de máis de medio millón de euros. A proposta realizada pola Deputación consiste na construción dunha senda peonil e na ampliación da plataforma dos primeiros 800 metros da estrada provincial desde a intersección coa N-VI ata Vixoi. A ampliación da vía mellorará a súa anchura en 1,5 metros asegurando a construción da senda peonil. A pesares destas melloras, algún veciños opúxose ao trazado por intereses particulares, tratando de frenar o progreso da zona a través desta mellora.
O Pleno da Deputación, que celebrará a súa sesión ordinaria de febreiro este venres día 1 ás 12 horas, desestimará as alegacións presentadas para asegurar o inicio desta importante obra de mellora da seguridade viaria.