“Utilicemos todos os medios para previrnos do fascismo que está chamando ás portas das institucións españolas e xa cabalga en moitos lugares de Europa”. Foi o chamamento que fixo o alcalde de Oleiros, Angel García Seoane, no solemne acto de recuperación dos restos mortais de Francisco Miguel, o pintor asesinado polos franquistas pouco despois do seu golpe de estado en 1936.
Miguel vivía coa súa compañeira, Sira Alonso, nunha casa de Santa Cruz cando o sorprenderon, detiveron e trasladaron a Bértoa, onde o mataron a tiros sen máis, sunto con outras tres persoas. Un momento de terror que foi lembrado no emotivo e coidado acto preparado polo Concello da Coruña para honrar a súa memoria e depositar os restos nunha tumba chea de dignidade no Cemiterio de San Amaro.
“Francisco Miguel, artista creador de beleza, asasinado polo fascismo en 1936”, reza o seu repouso definitivo, cunha significativa frase da súa compañeira, Sira Alonso: “Todo se esfarelou coma nun pesadelo”.
Unha xornada contida, chea de silencios, presidida pola alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e os alcaldes de Oleiros e Carballo, así coma a deputada de Memoria Histórica da Deputación. Tamén participaron un neto e dous bisnetos do pintor, que recibiron os restos do seu devanceiro e o acompañaron ao digno lugar que se lle preparou no vello camposanto da cidade.
Un evento promovido pola Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, a quen todos agradeceron o seu traballo de dignidade, que honra á cidadanía do noso tempo ao lembrar aqueles tráxicos momentos da nosa historia que o fascismo cercenou.
Lembranzas nas que insistiu o presidente da Alternativa, cando animou aos presentes a ser vixiantes cos neofascistas actuais: “Hiltler tamén chegou ao poder tras unhas eleccións, e eles están agardando para asaltar o poder e a democracia, como xa estamos vendo en moitos lugares”.
Le esta información sobre Francisco Miguel

