Reivindicar a memoria de Francisco Miguel, unha necesidade colectiva

Oleiros apoia que a súa figura protagonice o Día das Artes Galegas en 2026

O Concello de Oleiros súmase á solicitude de que o Día das Artes Galegas de 2026 se dedique á lembranza de Francisco Miguel, o pintor de avangarda asesinado polo franquismo en 1936 tras ser detido na casa de Santa Cruz na que se atopaba coa súa muller, a escritora Syra Alonso.

A ocasión, ademáis de visibilizar a figura de Francisco Miguel debe convertirse nunha homenaxe aos artistas fusilados polos impulsores da sublevación contra a Constitución, a legalidade e a democracia.

O intelectual coruñés atopábase en Santa Cruz, a onde chegara tras residir en París, Cuba ou México, lugares onde desenvolvera a súa vida artística e conectara coas avangardas do seu tempo. Previamente, na Coruña estivera vencellado á revista Alfar, nos anos 20, e rexentara unha libraría na rúa Real.

Tras o cruel asasinato do seu home, Syra Alonso foise cos seus tres fillos ao exilio mexicano, onde morreu en 1970.

Na carta de apoio do Concello de Oleiros á súa memoria, resaltan a “unha actitude de persecución e aniquilamento da arte, a creatividade e a intelixencia que deixou ao país sen as súas máis brillantes cabezas, substituídas pola miseria moral e a borralla gris daquel ominoso tempo de odio, crimes e represión”.

Recuperar a memoria e a obra de Francisco Miguel é un acto de xustiza que xa intentou a súa muller cunha exposición póstuma da súa obra, acto que no seu día lle prohibiron. 

Alternativa considera que dedicarlle o Día das Artes Galegas resulta o mellor xeito de recuperar, difundir e visibilizar o seu legado, capaz de engrandecer o universo artístico deste país, do que hoxe está prácticamente excluido.

O Concello de Oleiros agradeceu á Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) o exhumamento dos seus restos en Bértoa (Carballo) onde os fusís fascistas acabaron coa súa vida.

Comparte esta nova!