Alternativa dos Veciños pide o voto para transformar o Concello de Carral desde a alcaldía
Esta pasada medianoite comezou a campaña das eleccións municipais. Alternativa dos Veciños preséntase no Concello de Carral co obxectivo de acadar a alcaldía para impulsar importantes cambios nas políticas practicadas polo Goberno municipal do Partido Popular.
Con Javier Gestal como candidato, Alternativa aspira a dotar a Carral dun Plan Xeral de urbanismo que poña orde, que garanta a seguridade xurídica e que posibilite un crecemento respectuoso co medio ambiente. Outro dos grandes retos é impulsar a Área Metropolitana, para acadar aquelas melloras a nivel de infraestruturas e servizos públicos que se atopan nunha situación precaria en toda a comarca polo desgoberno e a desidia dos principais partidos políticos, como é o caso dos accesos viarios á cidade.