Alternativa pide á Xunta a restauración do antigo edificio do LIGAL en Bergondo

O expolio do edificio que albergou no seu día o LIGAL en Guísamo (Bergondo)

O expolio do edificio que albergou no seu día o LIGAL (Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite) no lugar de Bos (Guísamo) prolóngase durante anos e, lonxe de cesar, aínda rexistrou unha nova incidencia a semana pasada, co roubo de gran parte do seu peche perimetral.

O antigo edificio do Ligal sofre un abandono total dende hai anos por parte do seu propietario, a Xunta de Galicia. A semana pasada produciuse un novo capítulo deste serial de degradación, co roubo de gran parte do peche metálico que rodea a propiedade. Por outra parte, as ruínas do edifico principal son parada frecuente de persoas que acceden a él sen que exista control de ningún tipo, co risco que iso pode entrañar para a súa seguridade. 

Aproximadamente dous anos atrás a Xunta arranxou 4 galpóns existentes na propiedade. Deixando “para máis adiante” as obras do edificio principal, tal e como se nos manifestou de xeito extraoficial. De igual modo (extraoficialmente) díxosenos que a Xunta ten previsto converter o edificio principal en arquivo dependente dunha ou de varias consellerías.

Xa que logo, dende Alternativa dos Veciños de Bergondo, reclamamos á Xunta de Galicia que non demore por máis tempo a recuperación deste edificio, acometendo as obras necesarias canto antes. “Esta situación non é sostible por máis tempo”, declarou o voceiro municipal de Alternativa, Juan Fariña. E engadiu; “Se a Xunta quere adicar o edificio a arquivo que o faga xa. A imaxe da propia Xunta e de Bergondo -nunha das súas entradas e a pé de N6- é completamente calamitosa”.

Comparte esta nova!