A Xunta de Galicia deixa sen servizo de comedor a 163 estudantes de Carral
A Xunta de Galicia publicou a listaxe provisional de admitidos no comedor escolar do CEIP Vicente Otero Valcárcel, concedendo só 135 prazas. O número de solicitudes é de 298.
Segundo esta listaxe deixan fóra a 163 estudantes, o que dificultará a conciliación familiar e laboral destes pais e nais. Ademais a demanda de implantar o servizo de comedor os venres, que o novo equipo de Goberno trasladou en múltiples ocasións á Consellería, non está resolta. Alternativa non entende o motivo polo cal non admiten máis solicitudes se no “Protocolo de adaptación ao contexto da Covid 19” (versión 14/07/2020) que publicou a Xunta, aparece a posibilidade de implantar segundas e terceiras quendas. Protocolo no que figura tamén que os nenos teñen que estar separados 1,5 metros ou 1 metro sempre que non estean encarados. Lembramos aos pais e nais que poden acudir ao rexistro do colexio a presentar as reclamacións pertinentes durante 5 días hábiles.
Alternativa dos Veciños de Carral posiciónase en defensa da ANPA. Estamos á súa disposición para as reivindicacións que consideren oportunas.