Unha colmea para encher de vida e emocións

Unha xornada de precisión técnica para colocar o teito do futuro auditorio de Bastiagueiro

O gran auditorio de Bastiagueiro xa ten sombreiro. Para iso levantaron o luns unha enorme estrutura metálica de 135 metros de perímetro e 41 de diámetro co que se cubrirá ese zigurat case cilíndrico enmarcado polo Bosque dos Veciños. Un edificio que se chamará “A Colmea” segundo anunciou o alcalde Ángel García Seoane, “porque aí traballará moita xente”, dixo en referencia á industria cultural e creativa, que serán protagonistas do inmoble.

Un edificio que se ía realizar hai xa máis de 20 anos, nun momento en que Alternativa non tiña a maioría absoluta e que foi boicoteado polo Partido Socialista, encabezado entón polo concelleiro Luis Vázquez. Naquela ocasión boicoteou a construción, impedindo completar o proceso de contratación, polo que obrigou ao Concello a pagarlle unha indemnización á empresa adxudicataria.

Diso quixo lembrarse o alcalde mentres a nova cuberta se elevaba lentamente ata o alto do novo edificio, unha impoñente estrutura de formigón e cristal que permitirá ver desde dentro as copas das árbores que o rodean, cando o evento permita utilizar a luz natural. Cando non, as lamas instaladas nos ventanais impedirán a entrada de luz.

Tamén resaltou Gelo a gran cantidade de espazos que se ganan na parte baixa do edificio, ao poder ser utilizados para eventos que precisen estancias distintas ou para outros de menor formato que o principal.

Tampouco o arquitecto quixo perder a ocasión de ver cómo izaban a cuberta que deseñou. Destacou que sería moi especial a visión desde dentro do tambor, en compaña das árbores da contorna.

Os 4.000 asentos poden tamén ser 2.000, pois a metade son retráctiles e o escenario principal é quen de converterse en múltiples salas segundo o que se necesite en cada momento.

Comparte esta nova!