Un verán cheo de alternativas para a mocidade de Oleiros

Alternativa dos Veciños continúa impulsando iniciativas para que os mozos e mozas conten con actividades gratuítas, espazos de encontro e propostas de lecer saudable durante os meses de verán.


Para Alternativa dos Veciños, investir na mocidade significa crear oportunidades para que os mozos e mozas poidan compartir tempo, descubrir novas afeccións e desfrutar dun ocio activo, creativo e saudable. Por iso, as Casas da Mocidade manteñen durante todo o ano unha programación estable que no verán se reforza cunha ampla oferta de actividades gratuítas pensadas para todas as persoas de entre 12 e 30 anos.


A programación de xullo inclúe propostas tan diversas como as xornadas de kaiak en Santa Cruz, os roteiros polas nosas praias, obradoiros de cociña, iniciación á radio a través do programa Mociradio, customización de roupa, torneos, actividades ao aire libre e iniciativas para promover hábitos de vida saudables. Unha oferta que busca que a mocidade poida vivir un verán cheo de experiencias sen ter que saír do concello.


Pero detrás desta programación hai un compromiso continuado coas políticas de mocidade. As Casas da Mocidade non son só lugares onde se organizan actividades, senón espazos públicos de referencia onde a xente nova pode reunirse, aprender, crear e relacionarse durante todo o ano. Centros como Porta Aberta e As Pedras dispoñen de instalacións totalmente equipadas, con cociña, zonas de descando, tecnoloxía e espazos de xogo, pensadas para ofrecer un entorno acolledor, atractivo e participativo.


Esta aposta responde á convicción de que o acceso ao lecer, á cultura, ao deporte e á formación non debe depender da situación económica de ningunha familia. Por iso, o Goberno de Alternativa dos Veciños segue impulsando iniciativas de balde e de calidade que fomentan a convivencia, a participación e o benestar da mocidade. Así é como construímos un Oleiros que ofrece oportunidades para medrar, compartir e desfrutar tamén durante o verán.

Comparte esta nova!