Unha aposta pola mobilidade segura e sustentable foi o que motivou a concesión a Oleiros do XII Premio Ciudades que Caminan. O galardón foi recollido polo alcalde en La Línea de la Concepción, onde se proxectou unha pequena peza audiovisual centrada na aposta peonil de Oleiros e sobre todo na senda de Iñás a Nós, paralela á motorizada Avenida das Mariñas.
García Seoane agradeceu o premio lembrando que os tres plans urbanísticos de Oleiros tiveron en conta sempre a seguridade peonil como prioridade, polo que practicamente todas as vías públicas de importancia do municipio están dotadas de infraestrutura peonil e algunha ciclista para que a veciñanza poida moverse a pé ou en bici en boas condicións de seguridade.
Lembrou tamén as dificultades de negociar coas persoas propietarias dos predios que dan ao viario para convencelos da importancia da infraestrutura peonil e o altísimo índice —prácticamente o 100%— de cesións de espazo que se logran cando o diálogo se establece en termos racionais e pensando sobre todo no ben común. Tanto foi así que o alcalde propuxo que a palabra “diálogo” pasase a formar parte da segunda edición do Diccionario de Espazo Público que impulsa a Rede e que se presentou unha hora antes da entrega do premio.
Oleiros estivo tamén presente no Congreso de La Línea como exemplo destacado entre outras 20 cidades, no marco dunha exposición baixo o título “La calle es no estar en la cárcel” na que se seleccionaron boas prácticas de distinta natureza. O motivo polo que Oleiros foi elixido é precisamente a atención que se presta á mobilidade peonil e ao espazo público nun contexto de baixa densidade.
“Valórase o esforzo —en palabras do xurado— de dotar ao municipio dunha rede paralela para a mobilidade ciclo peonil mesmo no caso de estradas de ámbito estatal como a NVI, que atravesa o territorio polo sur. A senda de San Pedro é, máis aló dunha aposta paisaxística e de lecer, unha fórmula segura para unir 4 km de percorrido interior coa infraestrutura de sendas costeiras e interiores, vertebrando un territorio disperso de baixa densidade cunha malla ciclopeatonal que vai completándose a través de rúas, vías e parques”.
Consideraron ademáis que se trata dun “modelo singular de desenvolvemento territorial cuxa aposta pola mobilidade natural pode tomarse como exemplo estimulante para municipios con poboación dispersa. Tamén se valorou positivamente a calidade das solucións construtivas adoptadas, ofrecendo unha imaxe amable e cálida, que, sen ser invasiva, realza a paisaxe. Esta vocación transmítese mesmo nas prazas de aparcamento vinculados á senda (pequenos nós de intercambio modal con pavimento permeable). A incorporación de aseos públicos é outro punto para destacar, pois favorecen a accesibilidade universal”.