Un congreso no Porto estudia o modelo territorial de Oleiros

A planificación estratéxica do municipio a través dos PXOM e a dimensión humana do territorio suscitan interés internacional

O modelo urbano de Oleiros, basado en repartir os beneficios que xenera o crecemento inmobiliario, suscita admiración en varios ámbitos. Será na cidade de Porto onde se estudie este caso no marco do Congreso de Cidades e Vilas que Caminham, un evento anual no que se dan cita autoridades nacionais e locais portuguesas para ir avaliando as fórmulas que permiten mellorar o territorio e facelo de maior calidade.

Alí participará o concelleiro de Mobilidade, Comunicación e Novas Tecnoloxías, Pablo Cibeira, quen explicará a diferenza entre o urbanismo rutinario que se practica en moitos concellos e o urbanismo social de Oleiros. Mentres desde unha óptica liberal permítese ás empresas e promotores facer grandes negocios coa expansión urbana, a óptica social que exerce Oleiros, baseada na planificación estratéxica, obriga aos promotores a repartir os beneficios coa cidadanía.

De que forma? obrigando a entregar ao municipio, ademáis do sistema viario necesario para cada novo espazo, amplas zonas verdes, espazos para equipamentos —escolas, casas do pobo, instalacións deportivas— e fincas edificables para que o Concello as destine a vivenda de prezo protexido, entre outras condicións.

Serán varios os alcaldes españois e portugueses que participen na cita, o 26 e 27 de marzo, ademáis de autoridades gubernamentais como o ministro de Economía e Coesao Territorial ou a secretaria de Estado de Mobilidade.

Comparte esta nova!