Os case 50.000 euros que pretende cobrar a empresa concesionaria do autobús interurbano da Xunta ao Concello de Oleiros por supostos perxuizos ocasionados están freando a autorización da chegada da liña 1A da Coruña a Santa Cristina.
Así o recoñeceu a responsable da consellería ao alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, e ao concelleiro de mobilidade, Pablo Cibeira, nunha xuntanza á que acudiron para tratar diversos temas relacionados co transporte público, que o goberno autonómico comprometeuse a analizar.
Unha das principais demandas, que analizará a Xunta, afecta á liña B1, que agora remata no Seixal e debe chegar á igrexa de San Pedro, en Nós, para mellorar o servizo a esta importante parroquia interior, desatendida desde os cambios de 2020. Do mesmo xeito solicitaron unha nova liña que cubra a nova urbanización de Xaz, en Dorneda, e o conxunto da avenida de Pardo Bazán (estrada de Meirás), que require un servizo acorde coa súa crecente importancia demográfica. O reforzo de autobuses no segmento principal da costa, entre Perillo e Oleiros é outra imperiosa necesidade veciñal.
Continuar buscando unha saída razonable á integración do 1A da Coruña en Santa Cristina para ofrecer un servizo máis acaído seguirá a ser un obxectivo prioritario para o Concello de Oleiros, ao que a Xunta non debe impedir que a súa veciñanza se vexa impedida deste importante ramal durante todo o ano.