Trío de obras en Oleiros para os orzamentos do Estado 

Ponte da Pasaxe, paseo da ría e area para porto e praia de Santa Cruz, as obras imprescindibles do Estado en Oleiros

Agora que desde diferntes ámbitos están movéndose fichas para intentar colar as súas obras nos Orzamentos do Estado para 2025 é moi necesario falar das obras realmente necesarias para Oleiros e o resto dos municipios da comarca, tal como fixo o alcalde, Ángel García Seoane, recentemente.

A ponte da Pasaxe, o porto de Santa Cruz e o paseo da Ría son os lugares nos que o Estado debe intervir coa máxima celeridade, pois delas depende a calidade de vida de milleiros de persoas e o coidado de importantes infraestruturas litorais.

“Non pararei ata que isto se faga”. Foron palabras de García Seoane falando da ampliación da ponte da Pasaxe, unha reivindicación que veciños e veciñas especialmente de Oleiros levan décadas reclamando. “A ponte está colapsada constantemente e supón un suplicio diario para os miles de persoas que teñen que usala para dirixirse aos seus traballos e xestións”.

A seguinte obra tamén ten relación coa mobilidade, pero esta é importantísima para a mobilidade alternativa, tanto a pé como en bici. Hai que continuar e completar os ous treitos do paseo da ría da Pasaxe para dar continuidade aos tramos actuais entre Beiramar e O Temple. Eses dous treitos son imprescindibles para utilizar a nova plataforma que se fixo con motivo do dragado da ría, “resulta incomprensible que se faga unha obra que non estea conectada con nengún dos tramos que xa existen de paseo”, dixo o alcalde sobre unha obra necesaria para dar continuidade ao litoral de Oleiros, Cambre, Culleredo e A Coruña.

A terceira obra que se pide ao estado tamén ten carácter urxente, xa que pode considerarse de mantemento. É preciso dotar de area á praia e o porto de Santa Cruz, “unha praia prácticamente desaparecida pola acción do mar, que está a provocar o constante deterioro do paseo. As olas están reventando a base da cimentación; se iso non se aborda a curto prazo, o paseo pode chegar a desaparecer en parte”, en palabras do alcalde.

Comparte esta nova!