Transición Ecolóxica contrata o treito O Graxal – O Seixo, no paseo da ría

Conseguimos que o Goberno Central vaia completando a restauración da ría

Camiñar ou pedalear pola contorna interior da ría e sen interrupcións será unha realidade próximamente, pois Transición Ecolóxica contratou o primeiro treito do paseo que deixaran intermitente tras a recuperación integral da ría. O segundo será contratado antes de fin de ano.

Este primeiro treito é o que dará continuidade aos treitos entre o concello de Cambre e o de Oleiros, na zona do Graxal e O Seixo, onde o itinerario litoral quedaba interrompido e había que circular polas sendas interiores dos parques que tras a obra quedarán unidos ao novo paseo. O orzamento da licitación é de 1,8 millóns de euros e estímase que poderá levar 9 meses construila.

Con esta licitación resolta, queda un pequeno treito de 200 m entre Beiramar e O Paraíso, que conta con trámites administrativos avanzados e que se contratará en breve.

Houbo que insistir ante o Goberno Central, pero ao final deu o seu resultado, xa que se estimaba que a recuperación integral da ría levaba incorporadas estas obras litorais, igual que outras na parte central da zona, que quedou sen completar cara a O Graxal e a Beiramar.

A obra non só resolve a continuidade do paseo litoral interior da ría, senón que facilita o acceso con mobilidade activa entre Santa Cristina e O Graxal, especialmente interesante no verán para o uso da praia. A ruta ciclo peonil tamén achega o litoral coa nova Senda do Río de San Pedro, á que se accede mediante as rúas urbanas de O Graxal, a Costa da Tapia, O Lameiro ou O Seixal.

Tamén contribúe a completar o itinerario litoral entre Lorbé e O Portiño, que se rematará coa xa activada obra de conexión litoral entre Naval e Canide.

Comparte esta nova!