Todas as corporacións da provincia están chamadas a unha concentración este venres contra a lei Montoro
O pleno da Deputación da Coruña aprobou no pleno do pasado 31 de xullo unha moción de Alternativa dos Veciños segundo a cal o presidente ten que convocar a todas as corporacións municipais da provincia a unha concentración simultánea ante as casas consistoriais para reclamar a eliminación da lei Montoro e da regra de gasto. Tal e como se establece no documento, estas concentracións serán este venres 7 de agosto ás 12:00 horas.
Alternativa dos Veciños leva anos denunciando a situación que veñen vivindo os concellos de toda España, que lles impide a utilización de fondos incluídos como remanentes e que se foron orixinando polos superávits desde a coñecida lei Montoro do 2012, na que se fixaba unha regra de gasto que limitaba o investimento anual de cada municipio.
Esta lei, amplamente criticada por todos os partidos políticos do Estado, comprometéndose case todos eles a eliminala se gobernasen ou cogobernasen; non só non se eliminou, senón que agora preténdese baleirar as arcas a todos aqueles concellos que temos acumulado o remanente desde a entrada en vigor da citada lei. No caso do Concello de Oleiros, 14 millóns de euros, na Deputación Provincial da A Coruña, 70 millóns de euros, e o superávit do pasado exercicio de máis de 20 millóns de euros.
O anuncio do que vai vir, vén da man do presidente da FEMP, o señor Caballero, por certo un dos máis intransixentes, cando gobernaba o Partido Popular. Non queremos pensar nos investimentos en infraestruturas que podería levar o municipio de Vigo polos servizos prestados, no caso de que a FEMP pacte co goberno o que pretenden.
Os cartos das administracións locais non son do Estado. O Goberno central non pode usurpalos, para supostamente, devolvérnolos en dádivas ao longo de 10 anos. Estamos a asistir a un xogo de “trileiros”, no que o gancho é o presidente da FEMP e alcalde de Vigo.