Ti es de Culleredo? Falamos

Alternativa dinamiza as súas redes para dar voz á veciñanza

Con esta campaña de Alternativa dos Veciños de Culleredo busca animar á participación cidadá na vida municipal a través das redes sociais.

Esta iniciativa ten o obxectivo de recoller as inquedanzas da veciñanza, trasladalas ao goberno municipal e procurar solucións que melloren o día a día do concello.

A campaña funcionará principalmente a través do perfil de Instagram do grupo -@alternativaculleredo– e tamén terá presenza en Facebook. Publicaranse enquisas e contidos interactivos para coñecer de primeira man a opinión da veciñanza e, a partir dela, elaborar propostas que poidan representar a diversidade de criterios veciñais.

Así mesmo, esta iniciativa tamén supón unha aposta por achegarse á mocidade de Culleredo, coñecendo as súas inquedanzas e ofrecendo unha canle de participación apdaptada as súas formas de comunicación.

Thais Palla, voceira do grupo, anima á veciñanza “a participar e compartir esta iniciativa, porque a voz de Culleredo merece ser escoitada”.

Comparte esta nova!