A enquisa organizada polo Concello de Oleiros para coñecer con máis tino a opinión da veciñanza sobre a xestión municipal rexistra un elevado índice de participación, pero o goberno municipal da Alternativa dos Veciños insiste na importancia dunha alta implicación, polo que pide a calquera veciña ou veciño que cubra o cuestionario.
Son moitas as persoas que xa enviaron as súas respostas, pero é preciso insistir para conseguir un número maior. Durante todo o mes de febreiro poden enviarse as opinións a través dun cuestionario electrónico de moi doada utilización.
As respostas estereotipadas, tipo “si”, “non” ou “calfica do 1 ao 10” este ou aquel aspecto da xestión, combínanse coa posibilidade de expresar libremente as opinións que se desexan transmitir ao Goberno Municipal, convencido de que a crítica positiva axuda a realizar un manexo máis intelixente e útil dos asuntos públicos.
Alternativa quere, con esta resposta, facilitar un exercicio responsable da xestión democrática, poñendo en valor a opinión da cidadanía de cara a definir ou corrixir as liñas políticas, sempre sen perder coherencia coas propostas electoriais e os principios esenciais da Alternativa.
Se o desexas, podes acceder á enquisa premendo aquí.