Aberta a convocatoria das subvencións da Fundación Paz y González
Está aberto o prazo de solicitude para as subvencións da Fundación Paz y González que tal e como figura nos seus estatutos desta entidade só poden solicitar os veciños e veciñas de Iñás. Estas axudas económicas, non periódicas e de carácter finalista, están destinadas a axudar ás familias nunha peor situación económica residentes na parroquia de Iñás, para cubrir necesidades básicas relacionadas coa subsistencia, a vivenda ou outros aspectos fundamentais para evitar situacións de exclusión social.
O día 17 de decembro finaliza o prazo de solicitude destas subvencións. Tanto as bases da convocatoria como o documento de solicitude están dispoñibles na web municipal e nas dependencias de Servizos Sociais e Igualdade.
A Fundación Paz e González é unha entidade constituída en 1907 co fin de mellorar a renda das persoas que se atopan en situación de vulnerabilidade e residen nas parroquias de Iñás, no Concello de Oleiros, e de Almeiras, en Culleredo.