Sol y Mar, por fin operativo

O xoves, día 20, inaugúranse as obras de transformación dese importante no viario

Era un dos puntos negros da mobilidade motorizada da área metropolitana. Un cruzamento de dous itinerarios principais, case paralelos, do Concello de Oleiros: a N6 e o eixo Areal – Rosalía de Castro, camiño de Sada.

Botamos décadas reivindicando do Goberno de España unha solución para ese no que xeraba esperas e conflitos, xa que non fóra obxecto de nengún arranxo. O xoves remata esta longa fase de reivindicación e loita: conseguimos que entre en funcionamento a nova estrutura viaria.

Sol y Mar xa é unha realidade, pero quedan moitas outras, en especial a ampliación da ponte da Pasaxe, por conta do Estado, e a prolongación da Vía Ártabra, que é cousa da Xunta. Tamén importantísimo é o by-pass entre Nós e a entrada á AP9, liberando a costa da Tapia de moita da súa carga de tránsito motorizado.

O remate do Sol y Mar trouxo consigo unha maior integración de ambos lados da Avenida das Mariñas, xa que pese a existencia da fenda que da acceso ao novo túnel, mellora a permeabilidade peonil entre Areal e o mar, grazas á nova rotonda —con tránsito urbano a 30, máis calmado que o que había— e á nova pasarela entre Agramar e a praza dos Areeiros, ou o que é o mesmo, entre Perillo e a ribeira da ría.

Será xoves, 20 de xuño, ás seis da tarde, cando inauguraremos as obras e abriremos ao tránsito o conxunto das transformacións realizadas nos últimos anos. O evento oficial terá lugar na rúa do Areal, preto da rotonda, na que ademáis das autoridades, participará unha orquestra municipal.

“Por fin vai chegar o día da apertura ao tráfico das obras de Sol y Mar. Imos levar música para celebralo, porque ben o merecen os veciños e veciñas que sufriron estes 3 longos anos de obras e incomodidades diarias. Queda unha zona moi moi agradable para as persoas que viven alí e unhas novas infraestruturas viarias que permitirán unha mellora importante do tráfico nos accesos á cidade”, dixo a unha emisora de radio o alcalde Ángel García Seoane.

Comparte esta nova!