A eliminación da alta tensión de Sol y Mar está pendente da expropiación do terreo por parte do Concello de Arteixo
Noelia Martínez e Juanfran Martínez, responsables de Alternativa dos Veciños en Arteixo, reuníronse esta mañá co xefe territorial da Consellería de Economía, Emprego e industria, para tratar a eliminación das liñas de alta tensión que atravesan a Urbanización Sol y Mar. Desde a Xunta amosaron total disposición para proceder ao soterramento das liñas, aínda que a actuación estaría pendente de que o Concello de Arteixo acometa as expropiacións de solo necesarias.
Na reunión tamén se demandou a paralización do proxecto que pretende a instalación dunha liña de alta tensión desde o Parque Eólico de Monteagudo ata o novo Polígono de Morás. Os representantes de Alternativa volveron insistir en que esa variante do trazado non soluciona nada, xa que prexudica gravemente o municipio de Arteixo, ao medio ambiente natural e a centos de vivendas e propiedades e que habería que usar os corredores existentes. Ante a negativa da Xunta, Alternativa seguirá a loitar na defensa do interese xeral dos veciños e veciñas de Arteixo.