Manuel Fernández Siso forma parte xa da historia viva de Oleiros. O seu nome preside o núcleo de centralidade de Dexo, a súa parroquia, na que tantas veces foi elexido candidato da Alternativa ás municipais nas listas da Alternativa.
Durante un longuísimo período de 28 anos, entre 1979 e 2007, siso foi unha das persoas que dirixiu o Concello, un home sensato e firme nas súas conviccións, e moi reflexivo á hora de adoitar decisións políticas no seo do Goberno. Foi tamén unha persoa que formou parte do cerne da Alternativa con, entre outras persoas, Alfredo Novoa, Esther Pita ou o alcalde Ángel García Seoane.
Foi por iniciativa deste último que se lle puxo o seu nome ao conxunto que forman a Casa do Pobo, a pista polideportiva, parque infantil, zona verde e aparcadoiro que constitúen o centro do pobo, mesmo acarón da Igrexa de Santa María, o edificio máis antigo do Concello.
Precisamente o momento máis lembrado no acto celebrado en Dexo para descubrir unha placa co seu nome foi a adquisición desa gran finca que a Igrexa pretendía vender a un promotor para construir vivendas. Foi a súa intervención a que fixo que o Concello puidese ao final adquirila para xerar espazo público e eses equipamentos dos que hoxe dispón a veciñanza para a súa vida social, festiva e deportiva.
Siso —como todo o mundo lle chama— foi un magnífico concelleiro de urbanismo, un papel moi difícil cando un concello aplica a lei con rigor e xestiona con honestidade, sobre todo nunha época de forte expansión urbanística. Hoxe, grazas ao seu innegable valor, o seu nome figurará para sempre no principal lugar do pobo.