Sendas de Oleiros, escenarios para vivir mellor

Recoñécense como Sendeiros Azuis tres itinerarios e comezan as expropiacións para completar a senda litoral do municipio

En breve complétase o itinerario camiñable que percorre Oleiros de norte a sur pola costa, ao tempo que esta senda peonil, unida a outras dúas do municipio son declaradas Itinerarios Azuis. Iniciativas nas que se nota a marca da Alternativa: preservar e dar novos valores de uso e conservación á contorna natural na que vivimos.

Avanza a conversión en senda do segmento de Dorneda que aínda non é público na Costa Libre de Oleiros. É un treito duns 3 km, dos aproximadamente 20 que van desde Lorbé ata O Graxal. Esta senda percorre as tres zonas do litoral municipal, desde os bravos cantís do norte, seguindo pola bahía que combina rochedos e praias, e rematando no ecosistema da ría, con paseos máis recollidos e doces, nos que a influencia das mareas é quen de mudar a paisaxe duas veces ao día.

A senda crea un escenario perfecto para a vida activa da cidadanía e preserva a costa dos atentados urbanos doutros tempos, cando era habitual construir ao rente do mar.

Precisamente, Alternativa dos Veciños naceu nos anos 80 do pasado século como resposta ás amenazas da especulación do chan e o embrutecemento da paisaxe.

Hoxe, Oleiros presume dunha costa case completamente liberada e ao servizo de todas e todos. Tamén espazos como o Bosque de Xaz ou o Monumento Natural de Dexo-Serantes confórmanse como importantes activos naturais, xa que foron galardonados como Sendeiros Azuis.

Ademáis destes recoñecementos, o Concello dispón doutros sendeiros como a costa de Canide – Balcón de Maianca – Mera – Espiñeiro, o Faro de Mera – Seixo Branco, o resto da costa do Dexo, o Bosque dos Veciños entre Liáns e Perillo e o que próximamente unirá O Seixal, en Nós, con Mesón da Auga, O Valiño e Arenaza, xa en Iñás.

Comparte esta nova!