Tres parcelas para construir vivendas plurifamiliares de prezo libre quedaron sen vender ao quedar deserta a subasta organizada polo Concello. Son fincas urbanas na praza da Rabadeira, en Oleiros e tras a zona da Perla, en Mera.
Os predios serven para edificar 34 vivendas. O Concello vai ofrecerllas á Xunta rebaixando o prezo de vivenda libre a vivenda protexida, para que o goberno autonómico, se o desexa, impulse a construción das vivendas, algo que pode facer de inmediato xa que os solos están completamente urbanizados.
Son 19 vivendas en Oleiros e 15 en Mera. Desde a Alcaldía xestionarase o asunto ante a Consellería de Vivenda, co que de convertirse nunha realidade, estas vivendas incrementarían a xa voluminosa cantidade de 151 que se realizarán polas cooperativas no solo recentemente vendido polo Concello.