Mellorar o servizo de autobús é un clamor da cidadanía de Oleiros. Así o entende o Concello e así llo reclama á Xunta constantemente, pois eles teñen esa competencia nos municipios de menos de 50.000 habitantes. A Xunta non dixo que non a nada. Pediu deixar pasar o nadal para acometer as melloras. Estaremos pendentes do resultado real desta xestión.
Alcalde e concelleiro de mobilidade baten constantemente na porta da Secretaría Xeral de Transportes para reclamar que o transporte público metropolitano ofreza un servizo algo máis á altura do que necesita unha contorna desenvolvida coma esta.
- Reforzar as liñas máis saturadas en horas punta
- Crear unha liña entre Perillo e a Universidade
- Prolongación da liña Entrexardíns – O Seixal ata o centro de Nós
- Maiores conexións co Polígono de Iñás
- Prolongar as conexións ata Abeleiras e Xaz, en Dorneda
Tamén se lle volveu reclamar luz verde para prolongar a liña 1A da Coruña ata Santa Cristina para facer un uso máis razonable dos recursos públicos sen as rixideces do actual sistema desintegrado entre o servizo da capital e o da comarca. Neste sentido, o alcalde dixo que se a compañía que ten contratada a Xunta para prestar ese servizo insiste en cobrar 50.000 euros sen documentar do Concello de Oleiros, debería acudir a un xulgado para facer a reclamación. O importante é que o próximo verán a cidadanía poida contar con ese servizo.