Rosalía Mera, nome do novo parque de Oleiros

Inaugúrase un espazo natural coidado ata os últimos detalles

Rosalía Mera xa ten o seu nome unido para sempre a un lugar de Oleiros. Moi preto de onde vive a súa filla, en Dorneda, a un paso de Santa Cruz ubícase o novo espazo naturalizado convertido nun acolledor parque que recibe unánimes louvanzas. Foi inaugurado o 6 de abril polo alcalde, Ángel García Seoane, quen agradeceu a cesión da nova infraestrutura verde.

Oleiros debía a Rosalía Mera unha homenaxe sincera, tanto pola súa vinculación co noso municipio como pola integración que a súa familia, sendo unha das máis ricas do país, tivo sempre na vida local. García Seoane resaltou especialmente o feito de que a súa filla, Sandra Ortega, escolarizase os seus fillos nos centros públicos e participase na vida pública de Santa Cruz como unha veciña máis.

Recoñeceu a súa incredulidade cando a empresaria foi ao concello a expoñer o proxecto da cesión e o concepto de parque que quería impulsar nesa finca de 20.000 m2 entre as rúas do Mar e da Poza, onde podían, segundo o plan xeral, edificarse 88 vivendas. “Pero ben pensado non me sorprendeu, porque xa a súa nai sempre tivo a porta aberta á colaboración coa nosa política de cooperación internacional”, pois sempre que se necesitaba enviar diñeiro a outros lugares para proxectos de desenvolvemento, mostrou a súa xenerosidade sen contemplacións.

No parque, que ademáis de sendas e parterres, existe un garimoso estanque, antigos muros rehabilitados, un mural da artista Lidia Cao, hoteis para insectos, zonas de relax, de xogo e acolledores recunchos para o lecer. O seu césped é silvestre e parte do vello arborado conservouse con finalidade decorativa.

Nenas e nenos dos colexios participaron nas prantacións, que dirixiu a empresa Trébore xunto ao departamento de parques e xardíns do Concello. Tamén participou no deseño dos aspectos faunísticos e vexetais o Grupo Naturalista Hábitat.

Comparte esta nova!