As políticas de desmantelamento dos servizos públicos, que tan caro pagamos ás veces no caso da sanidade, afectan tamén a un dos piares sobre os que debe asentarse calquera sociedade que pretenda progresar: a educación. Así o revelan os preocupantes datos do informe PISA.
Pero máis alá das carencias do noso sistema educativo -competencia do Estado e das comunidades autónomas- e da urxente necesidade de implementar reformas de calado, non debemos esquecer nunca que a educación é moito máis que formación académica. Unha tarefa na que debemos implicarnos todos e todas, de forma individual e tamén como comunidade, máis se cabe ante o avance dun novo modelo social no que pensar por nós mesmos e ter capacidade de analizar a realidade de forma crítica será determinante para o futuro das nosas vidas.
Nese camiño de abrir mentes, de desenvolver habilidades artísticas, de cultivar a tolerancia e a convivencia, de mirar o mundo por nós mesmos… levamos décadas traballando. Porque canto máis complexo, cambiante e individualista se fai o mundo máis necesaria serán as nosas políticas educativas, culturais e deportivas: programas culturais, obradoiros de todo tipo, bibliotecas, escolas artísticas, actividades e instalacións deportivas, excursións, espazos públicos de encontro e convivencia, fomento de asociacións e clubs,…
No mundo que nos toca vivir, aqueles principios que hai 50 anos emanaron do movemento veciñal e que orixinaron o nacemento da Alternativa dos Veciños están hoxe máis vixentes que nunca.