A partir do mes de setembro comezarán en Montrove e Nós dúas obras fundamentais para seguir garantindo un servizo de auga de calidade en Oleiros. Cun investimento de 900.000 euros, renovaranse as tuberías xerais que discorren baixo a avenida de Salvador Allende (Nós) e a avenida Rosalía de Castro (Montrove-Oleiros).
Non se trata só de substituír vellas tuberías: é unha aposta decidida por anticiparse aos problemas, mellorar a eficiencia e asegurar que o sistema de abastecemento responda ás necesidades actuais, pero tamén as futuras. Por iso, tamén se contratarán os tramos pendentes de renovación entre os depósitos de A Pezoca-Quinta Canaima e Edreira-rúa Pazo.
Ademais, a través da empresa pública AquaOleiros, o Concello ten en marcha o plan de investimento de 5 millóns de euros que permitirá renovar as vellas tuberías de fibrocemento da avenida das Mariñas e substituír os treitos de PVC máis antigos, neste momento nas parroquias de Dorneda e Serantes.
Oleiros conta cunha extensa rede de 432 km e 11 depósitos, que Alternativa dos Veciños leva anos mellorando de maneira continua. Grazas a esta política de planificación e investimento sostido, o goberno municipal prioriza os treitos con máis posibilidades de fuga (normalmente os máis antigos), garantindo así que os recursos públicos se destinen onde máis fan falta.
Esta nova actuación é un exemplo máis de como gobernar pensando nas persoas e no seu benestar: renovando o que está en peor estado, apostando pola calidade dun servizo básico como é a auga e asegurando que ningún veciño de Oleiros quede sen auga na billa.