Reforzar o público, a mellor medicina ante as catástrofes

A catástrofe de València revela a necesidade de contar con dirixentes políticos honestos e responsalbes

Dispoñer de servizos públicos fortes, ben equipados e de calidade é de novo unha lección que nos aporta a crúa realidade social, como xa ocurrira coa pandemia do ano 20. Reforzar a sanidade, a educación e a seguridade públicas deben ser obxectivos de calquera política como a que defende Alternativa. Así o declarou estes días o concelleiro de Oleiros, Pablo Cibeira.

As políticas liberais que predica e practica a dereita debilitan desmantelan continuamente estes servizos, pero hai tamén na esquerda quen esquece eses deberes dos responsables políticos, como acaba de demostrar o PSOE de Oleiros opoñéndose a reforzar e mellorar importantes servizos ao opoñerse á moderada actualización de taxas e impostos, definidas para evitar déficits que acabarían minguando a actual calidade dos servizos.

Pero non é o único caso de irresponsabilidade e demagoxia: no Concello da Coruña en cambio é o BNG o que impón á alcaldesa unha conxelación fiscal para aprobar os orzamentos.

Os servizos públicos deféndense con xestión, pero tamén con políticas fiscais progresivas que aporten os recursos económicos necesarios para responder ás necesidades da cidadanía.

En València están a sofrir unha situación extraordinaria debido a unha catástrofe natural, pero poderían afrontar mellor ese complicado momento se contasen cuns servizos de emerxencias máis fortes e mellor organizados, e por suposto tamén cuns dirixentes políticos responsables. 

A incompetencia política e o comprensible estado de desesperación de milleiros de persoas que o perderon absolutamente todo fixo agromar unha marabillosa reacción solidaria. Pero por desgraza tamén están a proliferar elementos de extrrema dereita sen os máis mínimos escrúpulos que intentan aproveitarse desa desesperación ata o punto de que un deses individuos con milleiros de seguidores nas redes sociais acadou 3 millóns de euros e agora di que non sabe que facer cos cartos.

Ningún pobo foi salvado por golpistas nen por fascistas. Ao pobo só pode salvalo un estado democrático forte, con competencias distribuidas axeitadamente entre as distintas administracións, con servizos públicos de calidade, dirixidos por políticos honestos e responsables. Desde Alternativa seguiremos defendendo con firmeza o público e o modelo de benestar que creamos en Oleiros, que tan positivo é para o progreso e a calidade de vida das persoas.

Links de interés

O Concello de Oleiros colaborará con València

Dous policías locais de Oleiros colaboran na reconstrución de València

Comparte esta nova!