POR RESPONSABILIDADE CON BERGONDO

[vc_row css=”.vc_custom_1525371096159{padding-right: 30px !important;padding-left: 30px !important;}”][vc_column][vc_column_text][/vc_column_text][/vc_column][/vc_row][vc_row css=”.vc_custom_1525371108663{padding-right: 30px !important;padding-left: 30px !important;}”][vc_column][vc_column_text]

Resulta evidente para calquera observador obxectivo que os resultados derivados das eleccións do día 28 de maio en Bergondo entrañaban unha dificultade máxima á hora de configurar posibles acordos entre as distintas forzas que nos presentamos aos comicios. Por outra parte, os resultados de Alternativa dos Veciños, aínda supoñendo unha mellora con relación aos comicios de 2019, non foron para nos os agardados.

Chegados ao momento dos posibles pactos o panorama que se nos presentaba era dunha complexidade enorme. Que facer na nosa situación, sendo chave de goberno e tendo a maior das responsabilidades a recaer sobre nós? Para contestar a esta pregunta resulta preciso aclarar, antes que nada, como foi a nosa campaña electoral e cales foron os eixos fundamentais da mesma.

Por unha parte fixemos ao longo desa intensa campaña un repaso pormenorizado por aqueles moitos aspectos de xestión cos que non estabamos (nin estamos) conformes da nosa socia de goberno, poñendo o acento sobre esas cuestións e propoñendo novos enfoques e solucións diferentes para problemas fundamentais de Bergondo. Por outra parte, tamén denunciamos con claridade os bulos propagados polo candidato do Partido Popular en relación co futuro PXOM de Bergondo. Mais os resultados do 28 de maio foron os que foron e con estes (non con cábalas previas nin con unha campaña realizada en clave de máximos) eran e foron cos que había que “lidiar” e os que había que xestionar.

En primeiro termo tentamos unha aposta decidida por acadar a alcaldía mediante o pacto coa outra forza coa que poderíamos conformar unha maioría suficiente de goberno (PSOE). Mais esa enérxica e decidida aposta inicial atopouse coa realidade dun Partido Socialista nada proclive a ceder nese aspecto. Neste punto debemos ser moi claros; temos a certeza case absoluta de que esa formación política nunca traspasaría esa liña, que eles mesmos cualificaron como “liña vermella infranqueable”. E o que é peor, dita negativa implicaba a desacougante posibilidade de que o pleno de constitución do pasado 17 de xuño dera como resultado o acceso do Partido Popular á alcaldia de Bergondo. E non un Partido Popular civilizado e con unhas mínimas garantías. Non o PP de Zapata, ou Naveira, ou Silvia Vázquez ou Tita Sanjurjo… senón un PP que non nos merece ningunha confianza, nin con respecto a quen o integra na actualidade nin con respecto -o máis importante- ás súas hipotéticas capacidades para deixar o goberno de Bergondo nas súas mans.

Chegados a ese escenario tivemos que enfrontarnos a unha disxuntiva política moi difícil; tentar acadar un acordo co PSOE, polo ben de Bergondo ou, pola contra, porfiar ata o extremo e correr o enorme e inasumible risco de que o PP se fixese co mando no goberno de Bergondo? A decisión adoptada foi a que consideramos responde ao sentir maioritario da veciñanza de Bergondo. Sería dificilmente entendible que as forzas progresistas de Bergondo (65% dos votos e 9 concelleiros de 13) nos fósemos quen de poñernos de acordo e evitar algo que, sen dúbida, tería sido dramático para o noso municipio e o seu futuro.

Froito da nosa cesión, polo ben de Bergondo, acadamos un novo acordo de goberno co PSOE. Deixando ben claro que a nova relación terá que sustentarse na reorientación das nosas posturas (PSOE e AV) inmediatamente anteriores ás pasadas eleccións. Sen renunciar ás nosas ideas, proxectos ou programas, mais si reconstruíndo as pontes derruídas e sempre dende o diálogo absoluto e permanente, co único obxectivo de buscar o ben común e o progreso de Bergondo.

Asumimos as críticas de aquela xente simpatizante ou votante da nosa formación que poida verse decepcionada coa decisión final adoptada, pero a toda esa xente dicímoslles; fixemos (asi o cremos) o mellor que podíamos facer coa marxe de manobra que nos permitían os nosos resultados do 28 de maio. E, en todo caso, tomamos a decisión menos mala de todas as posibles. Converter aquilo que alguén podería denominar como “o mal menor” en oportunidade e progreso para Bergondo é o reto a curto e medio prazo co que tanto PSOE como Alternativa dos Veciños nos debemos comprometer ao máximo.

A partir de agora o compromiso do noso grupo é claro e rotundo; os nosos tres concelleiros traballarán a reo por Bergondo e as melloras que merece, pola súa veciñanza e por responsabilidade con esta. Coñecedores das dificultades, mais conscientes tamén da responsabilidade que adquirimos co noso pobo e coas súas xentes, con aquelas que nos votaron e con aquelas que non o fixeron. Por Bergondo e exclusivamente por Bergondo.[/vc_column_text][/vc_column][/vc_row]

Comparte esta nova!