Por respecto a nós mesmos, á nosa memoria

En España a animadversión cara a inmigración está a ser axitada polos sectores máis reaccionarios e nin os heroicos futbolistas migrantes que lideraron á selección española na Eurocopa lograron frear esa repugnante corrente intolerante

Mentres en Oriente o Goberno terrorista de Israel continúa a aniquilar Gaza, extendendo o seu expansionismo asasino sobre Líbano, atacando ata ás misións de paz da ONU, co inaudito silencio da comunidade internacional; en Europa o avance da extrema dereita está a poñer en seria ameaza os dereitos humanos coa proposta da Unión Europea de construír campos de concentración para as persoas migrantes, tomando o exemplo do Goberno fascista italiano

En España a animadversión cara a inmigración está a ser axitada con forza polos sectores máis reaccionarios e nin os heroicos futbolistas migrantes que lideraron á selección española na consecución da Eurocopa lograron frear esa repugnante corrente intolerante. Unha preocupación que, por certo, non espertan outros temas da actualidade como os problemas de acceso á vivenda, a condena por corrupción do enésimo ministro de Aznar, as falcatruadas do número dous do PSOE ou o recoñecemento do rei emérito da súa participación no golpe de Estado de 1981.

Medios de desinformación e políticos populistas criminalizan a persoas que nunha situación de máxima desesperación abandonan o seu país, xogando a vida en caiucos totalmente deficientes para navegar en altamar, que en moitos casos os conducen á morte no máis absoluto anonimato. Acúsanos de delicuentes, de violadores, de ladróns, de asasinos… de ilegais! Cando o seu delito é querer traballar para poder comer.

Estas persoas non só sofren o racismo á súa chegada senón que tamén están sometidos na súa partida ás grandes mafias que organizan as viaxes baixo a dirección de Gobernos e ditaduras como a marroquí. O reino alauí manexa toda a inmigración dos países subsaharianos para chantaxear periodicamente a España e a Francia coa invasión de milleiros de persoas.

Persoas que foxen da guerra, da fame, da falta de oportunidades, da carencia de traballo e recursos para alimentar ás súas familias. Homes, mulleres, nenos e nenas, que só queren comer. Igual que nós, os galegos e as galegas, non hai tanto tempo.

Porque non deberíamos esquecer nunca que durante os séculos XIX e XX fomos nós os que abandonamos a nosa terra para embarcar no Begoña, no Veracruz,… rumbo a Arxentina, Cuba, Uruguai, Venezuela, Estados Unidos, e posteriormente tamén emigramos a Reino Unido, Suíza, Francia, Alemaña. Nós tamén escapabamos das guerras, da fame, do caciquismo que impedía o progreso do rural galego, da ditadura, da falta de traballo e da miseria. En que familia non tivemos algún emigrante?

Onte fomos nós, hoxe son eles. Non esquezamos a nosa historia. Fagamos memoria.

Comparte esta nova!