Para rebaixar o prezo da vivenda en Oleiros poderíamos caducar o Plan Xeral, eliminar zonas verdes, equipamentos deportivos, instalacións culturais e permitir a construción de miles de vivendas en grandes bloques de 10 e 12 alturas; tamén poderíamos pechar bibliotecas, eliminar parques infantís, deixar de subvencionar e colaborar coas entidades, privatizar as casas de préstamo, desprotexer a costa e os bosques, reducir frecuencias de limpeza viaria, minimizar a programación cultural, recortar políticas sociais…
Si, claro que si, poderíamos aplicar en Oleiros esas políticas propias de PP e PSOE, das que sobran exemplos na xeografía galega e española. Pero que ninguén se preocupe. Iso non sucederá, polo menos mentres o pobo siga confiando en Alternativa dos Veciños. Con nós nunca existirá ese Oleiros de degradación paisaxística e humana, ese patio de recreo que algúns sempre ansiaron impoñer para lucro duns poucos.
A constante mellora que facemos de Oleiros repercute nun maior atractivo residencial, que beneficia aos que aquí vivimos. Coa nosa política garántese o acceso a innumerables servizos e infraestruturas públicas independentemente de rendas económicas. Ademais o feito de ter un ben inmoble é practicamente un seguro de vida. Ou hai alguen que queira que as súas propiedades perdan valor?
As enormes dificultades para o acceso á vivenda non son exclusivas de Oleiros, trátase dun problema de Estado (o máis importante neste momento). Agás en municipios rurais nos que existen carencias de servizos, comprar ou alugar unha vivenda en cidades ou áreas urbanas de calquera punto de España é prohibitivo para as familias con ingresos medios.
O máis idignante é que os que realmente teñen que actuar para invertir a situación (o PP desde o Goberno de Santiago e o PSOE desde o Goberno de Madrid) son os mesmos que onde non gobernan, como aquí en Oleiros, atrévense a dar leccións. Pura demagoxia.
Os concellos non temos ningún tipo de competencia en vivenda. Iso non impediu que coa nosa política urbanística promovésemos desde o ano 1992 a construción de 1.156 pisos protexidos, entre os que están os 146 que comezaron estes días; aos que haberá que engadirlle os 34 que se crearán o próximo ano mediante a mesma fórmula de cooperativa, cun custo de adquisición medio por vivenda de 205.000 euros.
Precisamente grazas a esas 3 últimas promocións, Oleiros pasou a ter o metro cadrado de piso de nova construción máis barato da comarca xunto con Arteixo. Fronte á manipulación, feitos.
Municipio para ricos? Non. Municipio para pobres? Tampouco. Oleiros, un concello para vivir.