O pleno de Oleiros aproba a moción de Alternativa dos Veciños en defensa da vía Ártabra
Alternativa dos Veciños presentou no pleno municipal de Oleiros unha moción en defensa da vía Ártabra. A proposta foi aprobada para para demandar da Xunta de Galicia a urxente subsanación dos erros administrativos que provocaron as sentencias xudiciais que paralizaron a obra, que se contraten novamente as obras no prazo máis breve de tempo e que se proceda á redacción do proxecto para darlle continuidade á vía Ártabra ata a AP-9 e a A-6.
O Goberno galego estaba a realizar a conexión da Ártabra desde a N-VI ata AP-9, na Gándara, pero foi paralizada por sentencia xudicial debido a erros administrativos na contratación. Esta situación provoca un forte retraso na execución de tan importante infraestrutura pública comarcal e un importante encarecemento das obras, o que supón un grave prexuízo que atenta contra o interese xeral da comarca e o erario público.
A irresponsabilidade do Concello de Cambre, que se opón aos proxectos contratados polos intereses particulares dun afectado polo ramal de conexión coa AP-9 na Gándara, pretende que se inicie un novo proxecto para a vía Ártabra e que se anulen os aprobados pola Xunta de Galicia, o que ocasionaría unha demora de outros vinte anos na creación de tan necesario vial para a comarca da Coruña.