A campaña impulsada polo Concello para denunciar a discriminación que a Xunta de Galicia exerce contra Oleiros está a destapar unha realidade intolerable: o absoluto abandono da avenida Isaac Díaz Pardo, unha das principais vías urbanas do municipio, pola que transitan diariamente miles de persoas sen contar coas máis mínimas condicións de seguridade.
Cada vez son máis os veciños e veciñas que trasladan ao Concello a súa indignación ante a falta de beirarrúas nunha estrada autonómica que comunica zonas residenciais con máis de 5.000 habitantes con centros educativos, áreas comerciais, instalacións deportivas, o Centro Municipal de Formación e os centros de Aspronaga. A Xunta leva anos desatendendo unha reivindicación básica e urxente, condenando á veciñanza a convivir cunha situación impropia do século XXI.
As consecuencias desta deixadez son especialmente graves para as persoas con mobilidade reducida. O caso máis escandaloso prodúcese precisamente diante das instalacións de Aspronaga, onde 86 persoas usuarias vense obrigadas a desprazarse en cadeira de rodas pola propia calzada, compartindo espazo cos vehículos e expoñéndose diariamente a un risco inaceptable. O que para calquera administración responsable sería unha prioridade absoluta, para a Xunta de Galicia parece non existir.
Resulta incomprensible e indignante que o Goberno galego continúe mirando para outro lado mentres se vulnera un dereito tan básico como a mobilidade segura. Non se trata dunha obra de luxo nin dunha actuación secundaria: estamos a falar de garantir a seguridade das persoas e de eliminar barreiras que afectan directamente á súa vida diaria.
O Concello de Oleiros leva anos reclamando a construción de beirarrúas nesta estrada autonómica. Houbo reunións con distintas conselleiras, presentación de informes técnicos, escritos e múltiples xestións institucionais. A resposta da Xunta foi sempre a mesma: o silencio. Nin solucións, nin compromisos, nin explicacións.
A veciñanza ten motivos máis que suficientes para sentirse desprezada por unha administración que cobra impostos en Oleiros pero que se nega sistematicamente a investir nas súas infraestruturas. O abandono da avenida Isaac Díaz Pardo converteuse nun símbolo da falta de interese da Xunta polos problemas reais dos oleirenses e dunha política baseada na discriminación e no castigo institucional ao noso concello.