A asemblea de Perillo elixe a Ángel García Seoane, Sandra Fernández, Luismi Escourido e María Fraga como candidatos para as primarias
Máis de 150 de veciños e veciñas de Perillo participaron na asemblea celebrada na Casa da Cultura de Perillo para escoller ás persoas que representarán a esta localidade nas eleccións primarias de Alternativa dos Veciños do vindeiro 2 de febreiro. Ao presentarse cinco persoas houbo que realizar unha votación na que os catro candidatos que máis votos recibiron foron Ángel García Seoane, Sandra Fernández Fernández, Luis Miguel Escourido García-Souza e María Fraga Doldán.
A asemblea desenvolveuse nun clima moi participativo. A representante de Perillo na executiva de Alternativa dos Veciños, Blanca de Ceanovivas, e o secretario xeral, Felipe Louzán, foron os encargados de abrir a asemblea e presentar ás persoas que foron escollidas previamente pola comisións de seguimento da localidade, destacando a súa valía e a súa traxectoria. Posteriormente presentouse outra persoa que se atopaba entre as asistentes.
Unha vez finalizado o reconto de votos e proclamados os candidatos, o presidente de Alternativa dos Veciños, Ángel García Seoane, destacou a importancia das vindeiras eleccións municipais para consolidar o proxecto de Alternativa dos Veciños no municipio e explicou os motivos polos que ían presentarse candidaturas en todos os municipios da comarca da Coruña. No caso concreto de Perillo destacou a consolidación urbanística da localidade co desenvolvemento da urbanización das Viñas, onde anunciou que proximamente haberá pisos de aluguer protexidos. O presidente Alternativa e alcalde tamén denunciou novamente a non realización das melloras das infraestruturas viarias que ten que abordar o Estado en Perillo e que afectan a toda a comarca.
Ángel García Seoane (1952) é alcalde desde o ano 1983. Na presente lexislatura tamén é deputado provincial, responsabilidades que xa desenvolveu entre o 1979 e o 1983. Preside Alternativa dos Veciños e leva vencellado ao movemento sindical, social e político desde neno.
Sandra Fernández Fernández (1972) forma parte da corporación municipal desde o 2011. Actualmente é concelleira delegada das áreas de Economía, Facenda e Contratación. Licenciada en Xeografía e Historia, colabora coa Asociación de Veciños A Ría e coa agrupación cultural Semente Nova.
Luis Miguel Escourido García-Souza (1998) foi remeiro do Club de Regatas Perillo. Ademais de ser campión galego de remo, no seu día tamén foi seleccionado para o Centro Galego de Tecnificación Deportiva en Pontevedra.
María Fraga Doldán (1980) é Técnico Superior en administración e finanzas. Forma parte das directivas do Unión Campestre F.C. de Montrove e da Agrupación Artística e Cultural Semente Nova, da que é vicepresidenta.