Pepe Mújica será honrado en Oleiros para sempre

Algún espazo público do municipio levará o nome desta singular figura política e humana

Oleiros terá un espazo público dedicado a Pepe Múgica, unha figura política e humana de sobrados méritos para figurar no nomenclátor municipal. Unha merecida homenaxe a un home que foi exemplo, guía e referente na vida contemporánea.

O seu espíritu crítico co capitalismo, as súas chamadas á vitalidade e ao optimismo, a súa defensa da ciencia, o rexeitamento dos oropeis dos que se arrodea o poder convertírono, nos últimos anos da súa vida nun ser de amplísima visibilidade internacional, sen renunciar aos principios progresistas, antiimperialistas e laicos que definiron o seu paso pola política.

Pero antes de ser un persoeiro global, destacou a súa militancia no movemento Tupamaro de Liberación, a guerrilla uruguaia que loitou contra a dictadura naquel país e que lle supuxo longos anos de cárcere, incomunicado e impedido de utilizar nengún tipo de distracción ou leitura.

Máis adiante destacou como gran negociador, aglutinando unha Fronte Ampla que acabou gobernando o país. Tras cinco anos como presidente, retirouse para continuar exercendo a súa profesión de floricultor.

A enorme popularidade de Mújica ten tamén relación coa súa potencia oratoria, capaz de expresar pensamentos complexos con frases sinxelas, que axudaron a moitas persoas a explicarse o mundo, algo que combinado co seu estilo de vida causou enorme admiración en todo o planeta.

O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, no momento de anunciar que se dedicará un espazo público a esta gran personalidade contemporánea, expresouse así: “Pepe Mújica é un exemplo de como teñen que ser os gobernantes, un home do que temos que copiar moitísimo. Revolucionario, guerrilleiro, presidente de Uruguai, pensador, sempre loitando pola democracia, polos dereitos da clase traballadoras e das persoas máis desfavorecidas,… Unha referencia en Latinoamérica e en todo o mundo, cun discurso realmente brillante capaz de concienciar ás persoas menos militantes”.

Comparte esta nova!