Pepe Mujica, o mellor nome para un paseo que arrodea o Paraíso

Un espazo público que se converte así nun lugar de memoria e homenaxe

Pepe Mujica, aquel home que liderou moralmente boa parte este mundo de desacougos e inxustizas do que se quixo afastar, estará para sempre ligado a esta prácida parte da costa atlántica, pero profundamente galega, que é o interior da ría. Oleiros completou este paseo marítimo interior e o acerto na escolla do nome non puido ser mellor.

A inauguración oficial do novo paseo peonil en Oleiros supón un fito significativo para o concello, ao sumar os últimos treitos do sur para consolidar a apertura pública dos 26 quilómetros de costa do municipio. Precisamente o Paseo Pepe Mujica atravesa un espazo público denominado así: o Paraíso, debido á súa beleza natural.

Unha política de denominacións que Alternativa leva anos promovendo e que enche o territorio de Oleiros de referentes da cultura, a política ou a historia que son moito máis que persoas admirables: son as imprescindibles. Un exemplo é precisamente a rúa Rosa Parks, moi próxima ao paseo Pepe Mujica. Parks foi a activista afroamericana famosa por ocupar un asento de autobús reservado para brancos en lugar dos que a sociedade do seu momento tiña asignado para as persoas negras, ao fondo do vehículo, un xesto que, tras a súa detención deu lugar a unha vaga antirracista. Foi encarcerada, pero ao ano seguinte a Xustiza dáballe a razón.

Loita do Concello ante o Ministerio de Transición

A execución deste paseo foi o resultado duna intensa loita institucional e social liderada polo goberno local, que incluíu mobilizacións e xestións directas ante o Ministerio de Transición Ecolóxica. Grazas ao acordo acadado coa Secretaría de Estado do Medio Ambiente conseguiuse dar resposta a unha vella demanda e materializar unha conexión peonil efectiva e segura entre os concellos de Oleiros, Cambre e Culleredo, unindo para iso as duas marxes da ponte da Pasaxe.

Un paseo para a cidadanía

No acto, o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, destacou a necesidade de promover espazos públicos onde a cidadanía poida camiñar, conversar, facer deporte e xogar con seguridade. Así mesmo, reivindicou a importancia de conservar a memoria de líderes internacionais que loitaron pola dignidade dos seus pobos, a democracia e os dereitos humanos —como Gandhi, Bolívar, Allende, Che Guevara, Martí ou Arafat—, sumando a este legado o exemplo vital de Pepe Mujica.

O legado de Mujica

O discurso puxo en valor a traxectoria de Mujica, quen arriscou a súa vida na guerrillero na defensa da democracia e pagou un alto prezo con 14 anos de encerro e torturas en prisión. A pesar deste duro pasado, a súa figura sobresae pola súa capacidade de perdón e pola súa entrega continuada á mellora das condicións de vida da sociedade uruguaia a través da actividade política e institucional.

Durante a súa etapa na presidencia de Uruguai, iniciada no ano 2010, o país experimentou un destacado avance social e económico nun contexto internacional marcado pola crise. Entreas súas principais conquistas mencionáronse a redución da pobreza, a diminución do desemprego, o impulso das enerxías renovables, o matrimonio igualitario e o reforzo das políticas de protección á infancia e á educación pública.

Máis alá da súa xestión de goberno, salientouse a faceta de Mujica como pensador e referente ético capaz de construír discursos claros na defensa dos valores democráticos. As súas reflexións contra os excesos do consumismo e en favor do amor e da vida manteñen unha plena vixencia fronte aos desafíos sociais e políticos aos que se enfronta a civilización actual.

Blanca Rodríguez

A cita contou coa participación especial da senadora uruguaia Blanca Rodríguez, de orixe familiar galega, quen é considerada continuadora da liña política e humana de Mujica. Durante o acto manifestóuselle o apoio do municipio ás súas iniciativas lexislativas centradas na protección da infancia e na loita contra a desigualdade, xunto cunha invitación formal para volver visitar Oleiros no futuro.

Por último, lembrouse a fonda vinculación histórica entre Galicia e Uruguai, un país que acolleu a multitude de emigrantes galegos que fuxían da guerra e da pobreza. O discurso salientou a contribución da comunidade galega ao desenvolvemento uruguaio, exemplificada en figuras de ascendencia local como o presidente Claudio William ou o diplomático Fernando Lugris, reafirmando os lazos de irmandade que unen a ambos os pobos.

Comparte esta nova!