Tanto a Xunta como o Goberno central tardaron semanas en recoñecer a existencia dun problema ambiental que pode ser grave para as costas e a bioloxía mariña, xa que afecta a toda a franxa occidental do país. Desde mediados de decembro ata a primeira semana de xaneiro, a velas vir.
A chegada ás costas galegas de millóns de microplásticos procedentes dun buque polaco con problemas diante de Portugal non fixo reaccionar ás nosas autoridades ata que a poboación deu voces de alarma a través das redes sociais.
Mentres, a TVG, que ten unha potente rede de correspondentes e áxiles medios para informar desde calquera punto do país, fixo ouvidos xordos á noticia que estombaba xusto nos días seguintes ao anuncio da convocatoria eleitoral. Os responsables dos servizos informativos públicos, abdicando dos principios máis básicos do xornalismo, trataron durante días de ocultar a información con certo paralelismo cos precedentes daquel “Nunca Máis” tras o naufraxio do Prestige, que lle costou a Xunta ao PP.
Cando xa non podían ocultar máis a información, Xunta e Goberno central fixeron un amago de coordinación, pero resulta grave que tanto o executivo central como o autonómico non actuasen con máis contundencia e proactividade nestes primeiros días da crise ambiental e tanto as súas accións como as súas declaracións públicas fosen lentas, pasivas e carecesen ata da preceptiva información aos concellos.