asemblea3

Preto de mil persoas participan nas asembleas electorais previas ás eleccións primarias

Un total de 934 persoas participaron nas asembleas electorais que Alternativa dos Veciños celebrou en todas as localidades de Oleiros para elixir ás persoas que participarán nas eleccións primarias do vindeiro 2 de febreiro. Nun proceso totalmente aberto e democrático, no que calquera persoa podía presentarse, saíron elixidas 28 persoas. 

Para seleccionar ás 24 persoas que integrarán a lista electoral definitiva celebraranse unhas eleccións primarias o sábado 2 de febreiro no pavillón Arsenio Iglesias de Santa Cruz. Calquera veciño ou veciña de Oleiros maior de 18 anos poderá votar. Segundo os resultados, atendendo ás leis de paridade, á representatividade territorial e á formación da mellor candidatura posible, configurarase a lista electoral definitiva de 24 persoas coa que Alternativa se presentará aos comicios.

Para informar aos veciños e veciñas de Oleiros da celebración destas eleccións primarias, Alternativa dos Veciños sempre enviaba a todos os domicilios as papeletas para participar nas votacións. Por primeira vez, e debido á Lei de Protección de Datos, non será posible realizar este envío personalizado. Aínda así, empregaranse outros medios para divulgar e informar o máximo posible sobre esta votación, que hai 4 anos contou coa participación de 3.160 persoas.

María José Varela, José Manuel Caridad e Gonzalo López representarán a Dorneda nas primarias. Rosa Méndez, Igor Pérez e Nanda Pérez foron as elixidas en Dexo. De Nós acudirán Belén Taboada, Antonio Molinos e Óscar Brandariz. Por Mera Marga Figueroa, Pablo Cibeira, María Siso, Mapi Taibo e Francisco Pita. Os candidatos de Oleiros serán Teresa Vázquez, Cristina Cebreiro e Noé Espantoso. En Iñás escolleron a Jaime Rumbo, Óscar Deus e Pamela Vázquez. En Liáns sairon elixidos Esther Garrido, María José Santos, Gonzalo Cancela e Marta Martínez. E na asamblea celebrada onte en Perillo Ángel García Seoane, Sandra Fernández, Luismi Escourido e María Fraga foron os máis votados.

Non presentaron a súa candidatura nas súas respectivas asembleas locais os actuais concelleiros Ignacio Crespo, Iria Barreiro, Rodrigo López e Marcos Regueira. Motivos persoais fixéronlles tomar esta decisión, que non impedirá que sigan traballando e colaborando de maneira activa con Alternativa dos Veciños. Os catro están a desenvolver un magnífico traballo no Concello de Oleiros, polo que Alternativa dos Veciños quere agradecer publicamente a súa dedicación.

Novas relacionadas