As deputadas e deputados da Coruña chegaron ao estado da máxima inutilidade e inoperancia no relativo ás infraestruturas de mobilidade. Mentres o goberno ralentiza as agardadas e importantes solucións para encamiñar as obras pendentes, a área metropolitana continúa sofrindo as consecuencias dunhas vías rácanas que non foron dimensionadas desde hai décadas. Nin unha soa iniciativa de deputados e deputadas no Congreso e no Parlamento galego sobre estes importantes temas de competencia autonómica e estatal.
Proxectos como a ampliación do eixo Alfonso Molina – Ponte da Pasaxe, a conexión coa AP9 en Nós, completar a Vía Ártabra, desafogar o funil do Carballo na N6 ou abordar por fin a futura Artabriña son proxectos aos que hai que sumar as solucións necesarias do transporte público que a Xunta se nega a desenvolver.
Así mesmo, as melloras no transporte público tampouco chegan, pois se negan a desenvolver as novas liñas necesarias e mellorar en xeral o servizo público de autobuses, o único capaz de ir absorvendo persoas que hoxe utilizan o coche particular para os seus desprazamentos.
O incremento da poboación na primeira coroa metropolitana da Coruña non foi acompañado polo desenvolvemento proporcional nen das vías de circulación nen do transporte público, dous asuntos de primeira dimensión que nen Xunta nen Goberno Central abordan con axilidade, condeando á veciñanza a soportar frecuentes e obrigados engarrafamentos, con incidencia directa no benestar das persoas.
Os accesos oeste á cidade da Coruña e a interconexión entre os distintos espazos habitados, polígonos industriais e a propia cidade (hospitais, centro urbano etc) merecen unha maior axilidade desde os despachos ministeriais e as consellerías.
O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, manifestou a súa perplexidade ante as “lindezas” que a veces se utilizan como manobras de distracción ante a realidade, como o tren de cercanías ou o transporte marítimo “o que teñen que facer é preocuparse pola realidade do día a día e deixarse desas lerias que só sirven para facer propaganda electoral, sen conexión coa realidade inmediata”.