A Xunta pensa que o transporte público en Oleiros non ten nada que mellorar. Que todo está ben. Dá así un rotundo portazo tanto ás demandas veciñais como ás necesidades estruturais do sistema metropolitano de transportes, que presta o seu servizo aillado da Coruña e con liñas e modos que non evolucionaron desde hai décadas pese aos evidentes cambios demográficos e humanos.
O alcalde, Ángel García Seoane e o concelleiro de Mobilidade, Pablo Cibeira, asistiron a unha vergoñenta xuntanza na que a directora xeral de Mobilidade do goberno autonómico dixo que todo estaba ben, que os servizos cúmprense ao 99% e que por tanto nada hai que mellorar.
- Non prolongarán a liña entre O Seixal e a praza da Liberdade de Nós
- Non haberá novos servizos en Franzomel, Abeleiras e Xaz
- Non se ampliarán as conexións co polígono comercial de Iñás
- Non se reforzará o servizo nas liñas principais, nen sequera en horas punta
- Non se prolongará o 1A da Coruña ata Santa Cristina
- Non se creará unha liña directa á UDC
- Non se conectarán os polígonos industriais coas áreas residenciais
O que xubxace na política de transporte público da Xunta é un afán desmedido de defender os intereses das empresas que prestan o deficiente servizo actual, que resulta o servizo público pior valorado pola cidadanía.
Este “todo está ben” da Xunta supón un auténtico aldraxe para quen aínda confiaba na aspiración de contar cun transporte público á altura das necesidades cidadás de hoxendía, e non un sistema marxinal, dedicado únicamente a trasladas as persoas que non teñen posibilidades de utilizar outro medio de transporte.
Con esta actitude a Xunta sitúase no lado oposto da sustentabilidade, fomentando o uso do vehículo privado e privando á cidadanía de contar cun medio de transporte colectivo eficiente, útil, flexible, barato e sobre todo capaz de reducir a utilización masiva do automóvil privado.