As elecións ao Parlamento Galego do 18 de febreiro foron protagonistas dunha alocución pública do presidente da Alternativa, Ángel García Seoane, que se referiu á vergoña allea que producen os actuais responsables da Xunta e o Goberno —PP e PSOE— por vender fume.
O reparto de diñeiro a distintos sectores da poboación foi criticado por García Seoane, que fixo un paralelismo co costume de diversos países centro e sudamericanos, onde mercan os votos con botellas de ron: “aquí xogan con chándals, con bonos turísticos ou para actividades de ocio, con transporte gratuíto… usan o diñeiro de toda a cidadanía para facer campaña política desde a Xunta, coma se nós fósemos comulgar con rodas de muíño”.
Outro tema que citou o presidente da Alternativa foi o da vivenda, onde detecta un comportamento hipócrita nas dúas forzas políticas, xa que realmente a política de promoción da vivenda, tanto en propiedade como en aluguer, non funciona. “Están prometendo que construirán 20.000 vivendas cando nos últimos 8 anos non foron quen de construír máis de 3.600. E queren facelo a través da iniciativa privada, cando realmente non están ofrecendo aos promotores nengún apoio aos particulares. A política de vivenda protexida ten que abordarse pola comunidade autónoma e co apoio estatal para facerse realidade, e nen un nen os outros están facendo nada para resolver este grave problema”.