Outras 80 novas vivendas protexidas en Oleiros

Alternativa segue a promover a construción de pisos de protección mediante cooperativas

O Goberno municipal de Alternativa dos Veciños continúa impulsando a creación de vivenda protexida en Oleiros. Nos últimos tres anos promoveu 296 pisos de protección en diferentes puntos do municipio e, como continuación deste traballo, as próximas promocións desenvolveranse en Oleiros e Mera, onde se crearán outras 80 vivendas nas novas urbanizacións que están en marcha.

Nos primeiros meses de 2027, o Concello abrirá unha convocatoria pública para que todas as persoas interesadas poidan inscribirse e participar no proceso de acceso a estas vivendas. O sistema será o de cooperativa, cos prezos de venda establecidos pola Xunta de Galicia.

Ademais, acaba de entrar en vigor unha nova liña de axudas estatal que permitirá acceder a préstamos sen xuros para afrontar o pagamento da entrada. Esta medida pretende facilitar o acceso á vivenda a persoas que, malia poder asumir as cotas posteriores, atopan no desembolso inicial un dos principais obstáculos para adquirir un piso.

Un problema que require medidas das administracións competentes

A crise da vivenda que sofre actualmente España responde a múltiples factores, entre eles a insuficiente oferta de vivenda pública, a falta de regulación efectiva do mercado, a especulación inmobiliaria, a proliferación de pisos turísticos e o incremento dos custos de construción nos últimos anos.

A solución non é inmediata nin depende dunha única medida. Correspóndelle fundamentalmente ao Goberno central e ao Congreso impulsar as políticas e os cambios normativos necesarios, xunto coas comunidades autónomas no ámbito das súas competencias. Os concellos, pola súa banda, teñen unha capacidade de intervención limitada e non dispoñen das ferramentas legais necesarias para resolver por si sós unha crise destas dimensións.

A responsabilidade municipal céntrase, fundamentalmente, na planificación urbanística e no desenvolvemento do solo necesario para construír novas vivendas. Sen solo dispoñible e ordenado, non é posible ampliar a oferta residencial.

Desde 1992, 1.286 vivendas protexidas en Oleiros

En Oleiros, Alternativa dos Veciños apostou por un modelo urbanístico baseado no crecemento ordenado, a baixa densidade residencial e a creación de espazos e infraestruturas públicas. A aprobación de tres plans xerais de ordenación urbanística permitiu desenvolver solo para a construción de vivendas libres e protexidas, evitando que o crecemento do municipio se desvincule da planificación dos servizos e das dotacións necesarias.

Grazas a esta planificación, desde 1992 construíronse en Oleiros 1.286 pisos de protección, unha cifra que inclúe as promocións actualmente en marcha ou de inicio inminente. O obxectivo é seguir ampliando a oferta de vivenda protexida para facilitar que máis persoas poidan desenvolver o seu proxecto de vida no municipio.

Estas son as promocións de vivenda protexida que se atopan actualmente en distintas fases de desenvolvemento:

  • Perillo: 21 vivendas na rúa Dona Emilia.
  • Dorneda: 96 vivendas en Xaz.
  • Mera: 28 vivendas na rúa Eduardo Galeano.
  • Oleiros: 20 vivendas na praza da Rabadeira.
  • Perillo: 15 vivendas no Paraíso, de iniciativa privada.
  • Montrove: 36 vivendas en Icaria, de iniciativa privada.
  • Oleiros: 22 vivendas na Pezoca.
  • Mera: 15 vivendas en Pinar do Río.
  • Mera: 28 vivendas en Pinar do Río.
  • Mera: 15 vivendas na rúa Eduardo Galeano.

En total, son 296 vivendas protexidas en distintas fases de construción ou xestión, incluídas as 80 novas vivendas previstas nas próximas promocións de Oleiros e Mera.

Comparte esta nova!