O grupo municipal de Alternativa dos Veciños vén de presentar unha solicitude formal ante o Servizo Provincial de Costas de Pontevedra para a revisión do proceso de autorización dos quioscos situados no dominio público marítimo-terrestre do municipio. O obxectivo desta petición é garantir que o procedemento se axuste á legalidade vixente e que se respecte o marco normativo da Lei de Costas.
Desde AV considérase que existen dúbidas sobre a correcta tramitación deste proceso, xa que as bases da convocatoria inclúen elementos propios dunha licitación pública, cando en realidade se trata dunha autorización de uso común especial.
Entre as principais preocupacións destacan que presenza de aspectos propios dunha licitación, como a apertura de ofertas e a constitución dunha mesa de adxudicación, o establecemento dun canon mínimo e a posibilidade de melloras económicas á alza, elementos que poderían desnaturalizar o proceso, a falta de supervisión previa por parte do Servizo Provincial de Costas, a publicación no Boletin Oficial da Provincia ou a aprobación das bases no órgano competente , pasos que consideramos esenciais para garantir a legalidade do procedemento.
Así mesmo, AV tamén presentou unha solicitude ao Concello de Cangas para a paralización inmediata do proceso ata que Costas clarifique a situación. “Non podemos permitir que un procedemento deste tipo xere dúbidas sobre a súa legalidade. A nosa prioridade é garantir a transparencia e o respecto á normativa vixente”, sinalaron representantes da formación.
Pedimos disculpas pola nosa tardanza na solicitude de revisión deste procedemento, pero dado que foi un procedemento realizado de forma “secreta” por parte do executivo local, e que ademáis non atopamos as bases publicadas en ningún lado, nos resultou enormemente dificultoso ter coñecemento de que tramitación se levou a cabo e da documentación para poder facer unha análise seria de todo o percorrido.
Ademais, queremos deixar claro que, de no caso de ter conciliado con nós unha modificación das bases existentes, a nosa postura estaría sempre guiada pola busca da xustiza social, tal e como fan outros concellos que apostan por garantir alternativas laborais para as persoas do propio municipio.
Exemplos como Barcelona, Madrid, San Sebastián ou Valencia, entre outros, demostran como as políticas de contratación pública responsable e de preferencia ao emprego local teñen un impacto positivo na creación de postos de traballo e na mellora das condicións sociais dos veciños e veciñas.
En Alternativa dos Veciños , entendemos que o municipio debe ser o primeiro en beneficiarse das oportunidades que xeran os recursos públicos. O noso ideario político sempre estaría enfocado cara á xustiza social. A nosa intención sería priorizar ás persoas do municipio, garantindo que esta alternativa laboral beneficiase en primeiro lugar á veciñanza de Cangas.
Con esta acción, Alternativa reafirma o seu compromiso coa defensa da legalidade, a transparencia na xestión pública e a protección dos intereses da veciñanza, á espera dunha resposta por parte do Servizo Provincial de Costas de Pontevedra.