O Concello de Oleiros foi lexitimado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia para pedir explicacións á Xunta pola instalación no porto de Oza dunha pranta de tratamento de aceites e hidrocarburos.
A empresa, chamada Limpoil, á que a Xunta otorgara unha autorización ambiental integrada completamente irregular, xa fora denunciada hai máis de 20 anos polo Concello cando se desfacían dos residuos contaminados a través da rede de sumidoiros desde unha nave de Icaria, en Perillo.
Oleiros xa presentara alegacións ante a Xunta, pero o goberno galego desestimounas ao parecer porque a pranta non estaba no seu territorio. Agora é o TSXG quen enmenda á Xunta para obrigarlle a responder esas alegacións, que consistían en considerar que a localización era inadecuada por estar en plena ría, perto de praias e zonas ambientais e pesqueiras de importancia. Ademáis, detectáronse algúns defectos de bulto na avaliación ambiental, que foi simplificada e sen informes suficientes.
Un documento que tampouco aporta protocolos de seguridade, medidas preventivas e de xestión de augas residuais, ademáis dunha clara falta de rigor na análise dos efectos socioeconómicos e ambientais que a instalación pode producir nun espazo como o porto, un área de traballo relacionada coa cadea alimentaria.
Grazas a esta sentencia, a Xunta terá que pronunciarse sobre o fondo da alegación presentada polo Concello e responder a estas cuestións de trascendencia ambiental, para que o tratamento de materiais contaminados teña o tratamento e control que realmente merecen como actividade potencialmente perigosa.
Un informe da Consellería de Medio Ambiente, anos atrás, falaba do impacto negativo da pranta nun espazo portuario onde se realizan labores de pesca, que ademáis de non ser un polígono industrial, está ubicado moi perto das praias de Oza e Santa Cristina e nas proximidades da ría do Burgo, recentemente recuperada de xeito integral.
Segundo unha nota que fixo pública o concello, “este tipo de instalacións crearon graves problemas por todo o territorio español durante os últimos anos. Para eliminar os refugallos e non ter que reciclar estas empresas empregan incendios e explosións. Por exemplo, no 2017 arderon 6 plantas de reciclaxe situadas en Navarra, Valencia, Lleida, Arganda del Rey e Málaga. Nos anos 2017 e 2018, as plantas situadas en Ribeira, Arteixo, As Somozas e Padrón tamén sufriron incendios e nun dos casos unha explosión, causando tamén graves danos no medio ambiente e problemas moi importantes de seguridade cidadá”.