Remata un ano moi positivo para Oleiros no que finalizamos importantes obras públicas como a mellora do cruce de Sol y Mar -tantos anos demandada- ou o paseo fluvial de Iñás e Nós, que usan e gozan a diario centos de persoas.
Tamén iniciamos as obras da avenida de Santa Crisitina ou do multiusos de Bastiagueiro, ese gran templo público para as artes, a cultura e o deporte; temos en marcha o proceso de adxudicación de vivendas protexidas que se van construír mediante a formación de cooperativas; e seguimos realizando a diario moitas outras actuacións por todo o municipio, de grande importancia para o mantemento da nosa calidade de vida.
Mais sen dúbida algunha a maior satisfacción que sentimos é a de continuar cultivando a cultura e a convivencia, especialmente entre a xuventude, con todo tipo de actividades que organizamos desde o Concello, non só fóra do horario lectivo, senón tamén nos propios centros escolares, da man do magnífico profesorado que temos. Unha forte aposta por transmitir valores, por ampliar coñecementos e por abrir as mentes para sembrar o futuro da nosa sociedade de mulleres e homes libres nun mundo cada vez máis reaccionario e individualista.
Unha satisfacción extensible tamén á nosa política máis social, mediante a que nos volcamos coas familias en dificultades económicas e cos nosos maiores, aos que atendemos con esmero nas súas casas cando así o requiere a súa saúde; enchendo tamén de alegría e de actividade a vida daqueles que non se atopan en situación de dependencia.
Así é como Oleiros segue avanzando pola senda do progreso e da humanidade. Porque á marxe de manipuladores políticos e titulares de prensa perniciosos, son os feitos os que falan por nós. Tal é así que os mesmos que botan pestes do noso querido Concello e da xestión que realizamos escollen este territorio para residir. Por que será?
A nosa forma de facer política coñecédela ben. Somos claros e transparentes. Nós non enganamos a ninguén. Nesa liña continuaremos, traballando arreo para defender ante todo o público, mentres así o siga ordenando o pobo de Oleiros.
Moi feliz ano a todas e todos!