Oleiros remite ao Supremo novos datos sobre o ruído de Alvedro

A pegada sonora do aeroporto supón un grave problema para Montrove e O Seixal

Grazas aos resultados dun estudo técnico encargado polo Concello, Oleiros ten un arma máis eficaz para loitar contra as condicións que quere impoñer AENA sobre o territorio municipal en nome da “pegada sonora” do aeroporto de Alvedro.

A veciñanza de Montrove e O Seixal é a máis seriamente afectada. Para ter argumentos ante a pretensión de AENA mediuse o ruído en 9 puntos distintos entre os días 3 e 31 do pasado mes de decembro. Os resultados indican que as curvas isófonas proporcionadas pola compañía estatal aeroportuaria na modelización acústica presentan un valor máis elevado do que se mediu in situ cos sensores acústicos, segundo informa o Goberno Municipal.

Con eses resultados, o Concello tiña presentado alegacións ao Real decreto co que o Ministerio de Transportes aprobaba as servidumes aeronáuticas acústicas, o mapa de ruído e o plan de acción do aeroporto. Segundo este organismo afectábanse 53 hectáreas destas zonas das parroquias de Liáns e Nós. Ante a falta de resposta, os servizos xurídicos do Concello puxo o asunto en mans do Tribunal Supremo, para que ao abeiro dos resultados do informe, poida tomar unha decisión máis razonable sobre a pegada sonora.

En palabras do alcalde, Ágnel García Seoane, “con este estudo acabamos de demostrar que o que di AENA non se axusta á realidade, que os valores que utiliza están sobredimensionados e, por tanto, a zona de protección debe ser menor”.

Comparte esta nova!