Oleiros recupera o seu edificio histórico número 22

O novo Albergue Municipal Esperanza Tenreiro restaurouse con 5 escolas obradoiro nas que participaron 94 persoas

Abrimos definitivamente para o pobo de Oleiros un novo edificio histórico. Unha propiedade privada que adquirimos no 2014, que en parte destinamos para crear o Colexio de Nós, e que rehabilitamos durante os últimos anos para dispoñer dun albergue municipal, nun parque fermosísimo de 32.000 metros, no que os nenos e nenas de Oleiros gozarán de campamentos e actividades medioambientais.

Este Albergue municipal Esperanza Tenreiro é o edificio histórico número 22 que conquistamos para o patrimonio público e que poñemos a servizo da cidadanía. Así é como defendemos e conservamos o patrimonio histórico e arquitectónico.

Esta antiga propiedade, que leva o nome da súa fundadora, Esperanza Tenreiro, fora construida para albergar no seu momento nenas e nenos de nais solteiras, se ben agora adaptouse aos tempos conservando esa idea de servir de marco ao ocio xuvenil.

Para a recuperación de edificio e xardíns organizáronse nos últimos anos 5 escolas obradoiro que foron realizando os labores de albanelería, carpintería e resto dos oficios relacionados coa construción e restauración arquitectónica. Nestes procesos laborais de formación e experiencia participaron 94 persoas.

A maioría, antigas propiedades privadas, agora públicas

Estes 22 edificios son antigas propiedades que teñen un valor arquitectónico, simbólico ou histórico para o pobo de Oleiros. O obxectivo do goberno da Alternativa dos Veciños foi preservalos e convertilos en valores útiles para a cidadanía, dándolles un novo sentido e resignificándoos: o que eran propiedades fidalgas ou burguesas son agora espazos para a xente.

Entre os máis destacados espazos rescatados para uso público, social ou cultural figuran unha das construcións máis importantes da comarca, o Castelo de Santa Cruz. Tamén a preciosa Biblioteca Central Rialeda, os pazos de Lóngora, A Carballeira e Arenaza; lugares de significado histórico como a Torre Bescansa ou a Casa da República; edificios senllerios como a Igrexa de Dexo, a máis antiga do municipio, que continúa coa súa función de culto relixioso; a antiga fábrica de cervexas de Perillo, As Torres de Santa Cruz, os restos do Pazo de Montrove, a Casa do Arxentino, ou a Casa do Fareiro de Mera, parte a infraestrutura de entrada ao porto da Coruña.

Novas funcións sociais

Ademáis da recuperación arquitectónica, fomos máis aló na función dalgúns edificios, creando para eles novos usos e funcións, como o préstamo dalgúns destes edificios —como a Casa Silva, a Casa Echeverri ou a Casa da Guardesa— para celebracións familiares ou xuvenís, unha iniciativa de gran éxito e que nos diferencia como creadores de novas formas de entender a cultura xuvenil, confiando na súa liberdade e na responsabilidade derivada da autoxestión dos espazos públicos.

Comparte esta nova!